martes, 7 de noviembre de 2006

CUBA: SITUACIÓN ACTUAL E FUTURO

Carlos Portomeñe
El Progreso / novembro 2006

         Para abordar calquera análise da realidade de Cuba resulta indispensable falar do bloqueo económico que durante máis de catro décadas afecta á illa. Dez administracións norteamericanas aplicaron esta política, baixo a que dous terceiras partes da poboación cubana actual naceron e viviron toda a súa vida. O bloqueo, recrudecido durante os últimos anos, foi concibido pola administración norteamericana para xerar sufrimento como medio para forzar un troco político sendo, a día de hoxe, o principal obstáculo para o benestar dos cubanos. Foi condenado en 14 ocasiones consecutivas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas de maneira practicamente unánime (182 países esixiron poñerlle fin o pasado ano). Ademais do bloqueo, Cuba tivo que resistir a agresión militar, as epidemias provocadas ou os atentados (máis de tres mil cubanos mortos en accións terroristas) para intentar frear o proceso revolucionario dun país que logrou facer fronte á maior potencia militar e económica da historia, e sigue facéndoo, fundamentalmente, a través da implementación dun modelo socialista fronte ao individualismo e a competitividade que impera en occidente.
         Pese ao bloqueo, e utilizando índices económicos capitalistas, o PIB de Cuba medra a un ritmo anual do 9%, pero o máis importante é que avanza e progresa cun modelo económico alternativo ao capitalista que non se basea no crecemento sostido do PIB senón no desenvolvemento humano integral. En Cuba superouse o modelo económico existente en países como o noso, asentado na supremacía do mercado, onde os valores humanos son inversamente proporcionais ao beneficio das grandes empresas e a banca, cos diferentes gobernos ao seu servizo. Un informe recente da prestixiosa organización internacional WWF sinala a Cuba como o único país do mundo "con desenvolvemento sostible" atendendo a dúas variables: o índice de desenvolvemento humano establecido pola ONU e a chamada "pegada ecolóxica", que sinala a enerxía e recursos por persoa que se consumen en cada país.
        A proeza do pobo cubano de subsistir ó bloqueo e durante o denominado "Período especial" cando desaparece o bloque socialista, convérteo no único país do mundo capaz de sufrir unha crise económica de tal magnitude e non resentirse nos indicadores sociais, malia perder o 85% do comercio. Os avances sociais cubanos, especialmente en sanidade e educación, son notorios. Nos últimos tempos desenvolveron con éxito sectores como o enerxético e outros que non existían. É nos momentos máis difíciles onde se demostra que a revolución cubana conta máximo apoio e lexitimidade popular. É insostible dicir que non existe democracia nun país onde as institucións se volcan nun sistema educativo público, universal e de calidade contrastada. Son a chamadas "democracias" occidentais as que xeran individuos acríticos e promoven un modelo educativo excluínte onde non interesan os seres pensantes. En EE.UU., o país que impón o seu modelo de "democracia" no mundo, imitado polos gobernos europeos, requírese posuír 9 millóns de dólares para ser senador e máis de 100 millóns para ser presidente.
        Cuba reivindica o seu dereito a ter o seu propio modelo político, amplamente lexitimado pola poboación.Por suposto, chegará un momento no que Fidel Castro terá que cumprir unha lóxica biolóxica e outros continuarán a súa tarefa. Todos son conscientes da existencia de defectos, pero a súa solución require que sexan resoltos por si mesmos. Por suposto, o desenvolvemento da revolución cubana non é alleo ao marco máis xeral da evolución política en América Latina, onde se está expresando o socialismo do século XXI. Con certeza, Cuba seguirá sendo exemplo de resistencia, de dignidade e soberanía. Como di un amigo cubano: "Despois de Fidel... máis Revolución".

No hay comentarios:

Publicar un comentario