Carlos Portomeñe / 15 novembro 2007
O 22 de xuño de 1633, Galileo Galilei escoita a sentencia do Tribunal da Santa Inquisición: "...sospeitoso de herexía, é dicir, de ter mantido e crido falsas doutrinas contrarias ás sagradas e divinas Escrituras". O físico e astrónomo italiano mantiña que a Terra xiraba arredor do Sol, cando asumir o sistema heliocéntrico supuña quebrantar os máis elementais preceptos da Igrexa católica, segundo a cal a Terra era o centro do Universo. Obrigóuselle a abxurar e foi sentenciado a cadea perpetua no que supuxo un dos máis claros exemplos de loita da razón e a lóxica fronte á imposición do dogma imperante.
Case catrocentos anos despois o dogma principal é o neoliberalismo e a súa asunción acrítica tradúcese en Europa nunha nova Biblia: o Tratado polo que se institúe unha Constitución para Europa. A liberalización da economía, a desregulación do "mercado de traballo", a privatización de "servicios económicos de interese xeral", a política económica orientada á estabilidade de prezos, a alta competitividade como principio básico e como obxectivo, e crecemento sostido do PIB son mandamentos incontestables de obrigado cumprimento que hoxe unen a políticos, sindicalistas e cidadanía das máis dispares tendencias e que adquiren rango normativo con esta falsa Constitución. Supón certificar a derrota ideolóxica da esquerda e a consagración do pensamento único, esa falsa idea do pluralismo que se basea no esmagamento da minoría, materializado na recente "campaña" para o referendo do pasado día 20 de febreiro: unha campaña excluínte que esqueceu intencionadamente a explicación do texto, que se baseou na eliminación do adversario político nos medios de comunicación e foi capaz de converter un sofisma en elemento propagandístico.
"Necia e absurda desde o punto de vista filosófico e formalmente herética", continuaba a sentencia.
O Noso "NON" foi vilipendiado desde amplos sectores da chamada esquerda, argumentando que carece de razoamentos de peso e responde a unha posición euroescéptica. Nada mais inexacto. Somos herdeiros do mais puro internacionalismo. Pero, sobre todo, existe unha avultada diferencia entre a campaña explicativa do "NON" e unha campaña do "si" baseada na retórica, nunha miseria argumental, en ocasións escudado nun abstracto "si crítico" que en política case sempre enmascara unha cesión incondicional.
O posicionamento negativo, e desde logo nada cómodo, só se produciu logo dunha lectura atenta e meditada, e o seu correspondente debate. Baste lembrar telegraficamente que o primeiro déficit democrático do TCE foi a súa elaboración por unha elite que responde fundamentalmente ós intereses das grandes corporacións transnacionais. Ademais, é un Tratado que so considera competencias exclusivas da UE as directrices económicas (o 70% do seu articulado), que dá rango de lei a un único modelo económico (o neoliberalismo), que consagra unha Europa-Potencia no plano militar, que non recoñece os dereitos dos pobos sen Estado, que institucionaliza, en definitiva, aquelas políticas contra as que se viñeron manifestando millóns de traballadores e traballadoras nos últimos anos.
Pero a actual Inquisición tamén abre as portas ós seus métodos máis ruíns: non só á pena de morte, se non á súa aplicación extraxudicial ó considerar legal a morte de unha persoa cando se produza como consecuencia dun recurso á forza para impedir a evasión dun preso ou detido, ou para reprimir unha revolta ou insurrección.
"Das cales sospeitas nos compracemos en absolverte sempre e cando, co corazón sincero e non finxida fe, ante nós, abxures, maldigas e condenes os susoditos erros e herexías."
Desde mediados do século XIX, foron as xustas reivindicacións dos traballadores e traballadoras a través de partidos e sindicatos obreiros as que fixeron avanzar na sociedade os ideais de igualdade, liberdade, xustiza e solidariedade fronte a un sistema baseado na explotación da maioría en beneficio propio dunha minoría. Eses principios, reivindicacións e ideais seguen hoxe tan vixentes como onte, nuns tempos onde a involución de dereitos e liberdades conquistados se produce a un ritmo vertixinoso. Precisamente agora é cando comeza a campaña, posto que o proceso está nos seus inicios. Cada futuro ataque que se produza ó dereitos fundamentais poderá relacionarse cun TCE que delimita claramente dous modelos políticos, económicos e sociais antagónicos, e que permitirá neutralizar á esquerda virtual. Haberá que estar atentos á aplicación dos principios e obxectivos do texto "constitucional" que acaba de ser aprobado por un 30% da sociedade, comezando pola anunciada "reforma do mercado de traballo". Elo evidencia que a esquerda ten pendente un debate amplo sobre os retos actuais, as estratexias e, sobre todo, as alternativas; moito máis profundo que a habitual liorta electoral á que se renderon a maioría dos partidos e sindicatos, renunciando á mobilización.
Por iso, aínda que sen adxurar, debemos dicir como Galileo: "E, sen embargo, móvese ".
No hay comentarios:
Publicar un comentario