GALICIA, NA ÓRBITA DOS PROCESOS DE CAMBIO POLÍTICO EN EUROPA
No actual contexto de acentuación da crise estructural do capitalismo e de fuxida cara a adiante das políticas neoliberais, é preciso analizar os importantes e máis recentes procesos electorais que tiveron lugar en Europa e a súa posible repercusión nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia, especialmente desde a óptica política da esquerda alternativa. Nos últimos seis meses renováronse os parlamentos en España e Grecia, os parlamentos autonómicos en Andalucía e Asturias e celebráronse eleccións presidenciais en Francia, cun marcado avance electoral da esquerda alternativa e anticapitalista. De igual xeito, en maior ou menor medida, produciuse un desgaste dos partidos maioritarios integrantes do Partido Popular Europeo e do Partido Socialista Europeo, aqueles que en Bruxelas votan conxuntamente as medidas antisociais que despois impoñen nos gobernos nacionais, independientemente de cal dos dous partidos estea no goberno.
En primeiro lugar, as eleccións xerais celebradas en España en novembro de 2011, supuxeron un importante ascenso electoral de Esquerda Unida, que incrementou en máis de 700.000 votos os seus resultados e practicamente dobrou a porcentaxe de votos con respecto a 2008, pasando de 2 a 11 deputados. Hai que lembrar que cunha lei electoral proporcional corresponderíanlle 21 deputados. Pese á mala noticia da maioría absoluta do PP, as recentes eleccións xerais confirmaron o desgaste do bipartidismo, que se deixou polo camiño 3.762.772 votos. En concreto, a suma de votos de PSOE e PP descendeu máis de dez puntos, baixando do 83,81% conseguido en 2008 ao 73,35% en 2011.
En marzo foi a quenda das eleccións autonómicas en Andalucía e Asturias, onde se confirmou o forte crecemento electoral de IU. En Andalucía, cun 10 por cento menos de participación, IU medrou significativamente en número de votos, duplicou o número de deputados (de 6 a 12, co 11,34% dos sufragios) e resultou clave na fenda aberta ao bipartidismo. PSOE e PP deixáronse case 7 puntos (86,86% en 2008 ao 80,18% en 2012), perdendo 817.778 votantes en catro anos, o 21% dos que exerceron agora o seu dereito a voto.
En Asturias, pese á baixa participación (55,92%, 11 puntos menos que en 2011) IU incrementou o seu número de votos e obtivo unha porcentaxe do 13,78% (fronte ao 10,28% do pasado ano), pasando de 4 a 5 deputados, e pese a sufrir un sistema electoral que lle prexudica especialmente ao manter tres circunscripcións nunha comunidade uniprovincial. PSOE e PP deixáronse 32.099 votos, o 6,58% dos votantes totais, e suman en conxunto o 53,54%.
A primeira volta celebrada en Francia contou co revulsivo do Front de Gauche, encabezado polo seu candidato Jean-Luc Mélenchon. A Fronte de Esquerdas conseguiu o 11,10%, un gran incremento con respecto ao 1,93% obtido polo Partido Comunista Francés nas anteriores eleccións presidenciais de 2007. O resultado do Front de Gauche xenera importantes expectativas para as eleccións lexislativas francesas que se celebrarán o próximo mes de xuño.
E por último, as recentes eleccións lexislativas celebradas en Grecia supuxeron un envorco xeral no panorama político grego, facendo pagar claramente aos partidos do último goberno de concertación a súa subordinación aos intereses da troika, a saber, o FMI, o BCE e a Comisión Europea. O Partido Comunista Grego (KKE) obtivo o 8,48% dos votos, incrementando o número de votos e o número de escanos. Pero sen dúbida, o gran triunfador dos comicios gregos foi a coalición SYRIZA (Coalición de Esquerda Radical), que obtivo o 16,78% dos votos e 52 deputados (4,60% e 13 deputados en 2009), triplicando ampliamente as súas papeletas e situándose a só un tres por cento do partido máis votado en Grecia.
Á vista dos resultados, é preciso cualificar de espectacular o crecemento das forzas anticapitalistas e alternativas de esquerda. Neste sentido, é imprescindible recalcar que Esquerda Unida, Front de Gauche e Syriza integran o Partido da Esquerda Europea (PIE) e xunto ao Partido Comunista de Grecia (KKE) e outros partidos comunistas e da esquerda alternativa europea conforman o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica no Parlamento Europeo.
As eleccións xerais celebradas o pasado 20 de novembro de 2011 xa avanzaron en Galicia esta tendencia electoral. Esquerda Unida foi, con diferenza, a forza política galega que máis medrou, triplicando os seus votos e pasando duns discretos 25.308 sufragios (1,37%) en 2008 a 67.182 votos (4,12%) en 2011. Especialmente importantes foron os seus resultados nas principais cidades galegas, superando o simbólico 5% da barreira legal en cinco delas: Vigo (7,20%), A Coruña (6,94%), Ferrol (6,87%), Santiago (5,29%) e Lugo (5%), Pontevedra (3,92%) e Ourense (3,73%). Polo tanto, e no marco do proceso electoral que Galicia vivirá nos próximos meses, calquera análise electoral estimable deberá ter presente a Esquerda Unida. E tamén deberá ter en conta a Esquerda Unida o "tripartidismo armónico" que convive no Parlamento galego desde 1993, hai xa dezanove anos, e que non tivo nin ten interés en, por exemplo, mudar o sistema electoral que o perpetúa.
Vaia por diante que os votos para os que nos reclamamos da esquerda alternativa son un medio, non un fin. Un medio para abrir paso institucional ás políticas sociais e as reivindicacións dos traballadores e as traballadoras, no obxectivo inmediato de frear as políticas neoliberais e avanzar cara á transformación do sistema, pero coa vista sempre posta no horizonte do socialismo, como único modelo posible e alternativo ao capitalismo. Estamos iniciando a rebelión pacífica.
Nota:
É importante mencionar o preocupante avance electoral da ultradereita europea. O fenómeno require unha análise detallada, pero é posible adiantar algúns aspectos. En EU vimos insistindo desde hai tempo que o sistema capitalista permite unha democracia máis ou menos plena cando garante a normal acumulación de capital e a maximización do beneficio neutralizando o conflito. Cando isto non é posible pola vía democrática, declara o estado de excepción dentro do propio capitalismo, que é o fascismo. Habería que analizar quen está realmente detrás das milagres electorais da ultradereita, máxime cando no noso país temos a experiencia histórica dos anos trinta, cando grandes empresarios como Juan March ou Pedro Barrié da Maza financiaron a extrema dereita e, a posteriori, o golpe militar fascista.
No hay comentarios:
Publicar un comentario