Desde
o inicio da pandemia de coronavirus e a medida que a situación de
contaxios e vítimas se agrava, estamos a asistir á dramática
realidade das residencias de anciáns e centros de discapacitados. Se
o virus se ceba coas persoas maiores de 65 anos debido ás
dificultades respiratorias que provoca e á menor resposta do seu
sistema inmunolóxico, a situación das residencias de maiores
estremece, con contaxios xeneralizados e mortes de residentes en
moitos centros. Esta situación límite das residencias, levou á
Fiscalía Xeral do Estado a incoar dilixencias de investigación o
pasado 23 de marzo, que posteriormente arquivou para derivalas ás
Fiscalías provinciais por motivos competenciais. A ministra de
Defensa declarou nunha entrevista que o Exército atopara nalgunhas
residencias “a maiores absolutamente abandonados, cando non mortos
nas súas camas” e que sobre as que incumprisen as súas
obrigacións caería “todo o peso da lei”.
Segundo
datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de
Sanidade, en Galicia a mortalidade provocada polo Covid-19 en persoas
de 60 a 69 anos é do 7%; do 35,6% nas persoas de 70 a 79 anos; sobe
a un 42,6% no tramo de idade de 80 a 89 anos e dun 18,3% en maiores
de 90. A día 1 de abril, eran trinta e seis as residencias de
maiores que contaban con polo menos un contaxio, contabilizando
medio milleiro de positivos e trinta falecidos; e trece
Centros de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) nos que se
contaba polo menos un caso, algúns con números tremendos como o
CAPD de Redondela onde se acumulaban 40 positivos e o de Sarria con
16, sumando pacientes e traballadoras/é. E son cifras que,
lamentablemente, irán en aumento.
Nestes
anos, o goberno da Xunta de Galicia veu implementando un modelo
errado de privatización que pon en risco a saúde. O incremento da
tendencia privatizadora deste tipo de residencias en Galicia é un
feito: actualmente, máis do 65% das prazas ofertadas en residencias
de maiores son privadas. É dicir, a Xunta segue fiando as prazas de
residencia aos xestores privados e, por tanto, dá por bo o modelo
mercantilista que instrumentaliza a vellez e a dependencia como unha
oportunidade de negocio, e que aprovéita as necesidades dunha
poboación cada vez máis envellecida que sofre o desamparo da
administración pública. O Goberno autonómico delega na iniciativa
privada e confórmase con concertar camas e ofrecer axudas aos
residentes en lugar de desenvolver un sistema público de residencias
que cubra a cada vez maior demanda. Detrás, existe un sistema
especulativo de empresas multinacionais e fondos de investimento que
tende á acaparación e o monopolio, coa consecuente precarización
do servizo e do emprego.
![]() |
Fonte: El Correo Gallego |
Especular
coa vellez e a dependencia
A
economía especulativa converteu a xeriatría nun gran negocio que no
últimos catro anos viuse inmerso nun imparable proceso de compra e
venda, polo menos ata a chegada da pandemia de Covid-19. A finais do
século pasado era un negocio dominado polas aseguradoras, as
construtoras e as caixas de aforro, e hoxe está dominado polos
omnipresentes fondos de investimento e empresas de orixe francesa. A
asistencia das persoas maiores converteuse, lamentablemente, nun
negocio que tende á concentración en cada vez menos mans, cunha
tendencia moi clara ao monopolio, e as pequenas residencias deixaron
paso a xigantes comerciais que foron absorbendo
o “mercado” a unha velocidade de lóstrego en poucos anos. De
feito DomusVi, o maior dos grupos no sector ao que pertencen varias
das residencias máis afectadas por contagios e mortes en Galicia,
existe como tal desde o ano 2018. Xestiona máis de 25.000 prazas en
198 residencias de persoas maiores e de atención diúrna, unha
trintena delas en Galicia. Segundo a propia empresa, emprega a máis
de 21.000 traballadoras e traballadores.
A
segunda empresa por número de camas é Orpea Ibérica, filial
española doutro grupo francés presente en 22 países. En 2016,
Orpea comprou o grupo Sanyres e en 2018 absorvió o grupo madrileño
Ecoplar e a Clínica López Ibor. Posúe 53 centros en España entre
Residencias, Centros de día e Clínicas de Saúde mental, con máis
de 8.500 camas e preto de 1.000 prazas de centro de día. Conta con
dúas residencias en Galicia (A Coruña e Lugo) e desde a península
está a expandirse a Portugal, onde comprou sete residencias de
maiores e un hospital.
A
terceira en discordia é Amavir, pertencente ao grupo francés
Maisons de Famille (unha
filial da sociedade Creadev, con máis de 150 empresas entre as que
se atopan Alcampo, Decathlon, Leroy Merlin ou Norauto, entre outras).
Amavir xurdiu da fusión das españolas Adavir e Amma (estaba
controlada maioritariamente por Caixabank e Banco España-Douro).
Posúe 43 residencias con centros de día en 7 comunidades, ningunha
delas en Galicia, sendo líder na Comunidad de Madrid.
Vitalia
Home pertence ao fondo británico CVC, un dos maiores de Europa, que
en novembro de 2017 comproulle o 80% do grupo por 250 millóns de
euros a Portobello Capital, unha xestora española de fondos de
capital risco. Portobello comprara en abril de 2015 a maioría de
capital da empresa de orixe aragonesa, incluíndo participacións das
entidades financeiras Caixabank e Kutxabank. Na actualidade é líder
no seu sector en Andalucía, Cataluña e Aragón. Antes da crise do
coronavirus, a firma de investimento CVC mostraba o seu interese por
converter a Vitalia na primeira cadea española, coa previsión de
alcanzar as 10.000 prazas e 2.000 novos profesionais mediante un
investimento de 200 millóns de euros en 20 novos centros. Na
actualidade Vitalia xestiona 40 e está a construír outros 6, un dos
cales (Leganés) tivo especial repercusión nos medios porque é un
dos máis castigados polo coronavirus, contabilizando 56 falecementos
ata o 31 de marzo. Non conta con residencias en Galicia.
Ballesol
anúnciase como “o referente en España de residencias para maiores
privadas de alto nivel, residencias de anciáns de luxo, residencias
para a terceira idade, e apartamentos tutelados”. Está participada
pola aseguradora Santalucía (75%) e a familia Vivas Adoitar (25%).
Posúe 47 centros e un persoal medio superior ás 3.250
traballadoras. Conta con tres residencias en Galicia: Ballesol A
Coruña (en Oleiros), Poio e Vigo.
La
Saleta Care ten o seu matriz en Valencia e ata 2019 era filial da
belga Armonea que a adquiría en 2016, pero o pasado ano pasou a mans
do grupo de orixe francesa Colisée que hai uns meses tamén comprou
o grupo tarraconense STS. A Saleta proxecta construír en Lugo unha
residencia con 130 prazas nunha leira situada á beira do Hospital
Universitario Lucus Augusti ( HULA).
DomusVi
e a política da Xunta
Aínda
que a súa sede social e fiscal radica en Vigo, trátase dunha
multinacional pertencente á sociedade holding do seu fundador Yves
Journel -posuidor dunha das maiores fortunas de Francia- e o fondo de
investimento Intermediate Capital Group ( ICG) radicado en Londres.
Ambos compraron DomusVi en 2018 ao accionista maioritario, o fondo de
investimento francés PAI Partners que en tan só tres anos adquirira
e fusionara a galega Geriatros e a catalá SARquavitae -as dúas
maiores empresas do sector en España- por unha cantidade próxima
aos 2.000 millóns de euros. SARquavitae fora adquirido por 440
millóns de euros e pertencía ao holding dos millonarios Antonio e
Jorge Gallardo Ballart (con sede en Barcelona) e ao fondo Palamon
(con sede en Londres) que obtivo coa venda 140 millóns de euros de
plusvalía con respecto ao investimento realizado.
DomusVi
leva tempo inmerso nun agresivo proceso de absorción de empresas. Só
en 2018, adquiriu a valisoletana Gerovida (18 residencias e 2.500
prazas) e a vasca Sarrikue (3 residencias e 291 prazas); estendeuse a
América Latina, onde adquiriu o 32% da chilena Acalis; e a Portugal,
onde absorvió ao grupo BellaVida e a empresa Carlton Life. En 2017,
o grupo DomusVi inaugurou a primeira residencia do grupo en Xi' an
(China).
Ademais,
DomusVi conta, como non, coa súa propia fundación, e desde 2012
mantén un “convenio de colaboración para o envellecemento activo”
coa Fundación Real Madrid, desenvolvendo nas residencias de maiores
do Grupo DomusVi en Madrid un programa vinculado á historia do club
de fútbol que inclúe charlas de exxogadores veteranos e visitas ao
Tour Bernabéu.
A
conselleira delegada de DomusVi é Xosefina Fernández Miguélez,
iniciada no negocio na compañía galega Geriatros, unha empresa que
pasou de ter como investidor a Caixanova nos seus inicios para
circular de man en man -ou de carteira en carteira- dos fondos de
investimento. Geriatros foi creada no ano 2000, adquirida en 2012
polo fondo Magnum Capital (o fondo do ex conselleiro delegado do
Banco Santander Anxo Corcóstegui) que á súa vez a vendeu en 2015 a
PAI Partners por 300 millóns e, finalmente, en 2018 ao fondo Capital
Group ( ICG) e Sagesse- Retraite- Santé ( SRS).
![]() |
Alberto
Núñez Feijóo na entrega en 2016 da Medalla de ouro do Círculo de
Empresarios á actual conselleira delegada de DomusVi
|
En
novembro de 2016, Alberto Núñez Feijóo entregou persoalmente a
Xosefina Fernández a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de
Galicia en presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, da presidenta
do Congreso, Ana Pastor, e do presidente do Parlamento de Galicia,
Miguel Santalices. O Presidente do Círculo de Empresarios naquel
entón, Juan Güell, sinalou con familiaridade cara á homenaxeada
que “Chefi creou a empresa dos seus soños” e que esta “era un
proxecto de vida, pero tamén un proxecto de negocio”.
![]() |
Abel
Caballero co conselleira delegada de DomusVi
|
En
decembro de 2019 (tan só tres meses antes de decretarse o estado de
alarma) o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco
Conde, entregaba a Xosefina Fernández o premio Galicia Global
outorgado pola Asociación Española de Directivos ( AED) “polo
proceso de expansión internacional da compañía de servizos para a
terceira idade”. É dicir, o conselleiro de Economía premiaba en
Santiago de Compostela á conselleira delegada da sección española
dun holding multinacional coma se tratase dunha empresa galega en
proceso de internacionalización. Xosefina Fernández agradeceu o
premio por contribuír a mellorar a calidade de vida "non só
dos nosos maiores, senón dos traballadores. Profesionalizamos o
sector, que en ocasións dependía da caridade".
![]() |
O
conselleiro Francisco Conde entregando o premio Galicia Global en
decembro de 2019
|
A
mercantilización dun servizo tan básico como a atención e
asistencia ás persoas maiores así como a onda de absorcións,
provocaron unha perda manifesta de calidade no servizo, precariedade
laboral e escaseza de persoal habitual nestes casos. Cando o
obxectivo son os beneficios e non o benestar das persoas, cando prima
o privado fronte ao público e o individual fronte ao colectivo,
tarde ou cedo son elas as que o sofren, e a crise do coronavirus
evidenciouno con máis dramatismo, neste caso e no da sanidade. O
paraíso mostrado na publicidade das residencias converteuse nun
auténtico inferno para os residentes, os traballadoras e as súas
familias.
Precariedade
laboral e deterioración do coidado das persoas maiores
En
2019, traballadoras e familiares das residencias de persoas maiores
de Aldán, Barreiro, Bembrive (Vigo) e Ribadumia xestionadas por
Domusvi, iniciaron mobilizacións para denunciar a
vulneración dos seus dereitos e a complicidade da Xunta coa empresa
por non velar polo cumprimento das normas. En concreto, denunciaban
unha xornada laboral moi superior á establecida en convenio, con
xornadas maratonianas e quendas de ata dez días sen descanso; unha
ratio de persoal por baixo do estipulado na lei; precariedade de
medios e, en xeral, unhas condicións que xeraban serios problemas
laborais e de saúde que repercutían na calidade do servizo. Unha
traballadora declarou: "Preferiría morrer aos cincuenta e
tantos a ter que estar ingresada aquí". Iria Estévez,
responsable de sanidade privada de Vigo en CCOO e membro do Comité
de Empresa de DomusVi, afirmaba: "Véndennos unha dedicación
persoal ao pacientes pero despois iso non é real. Isto é como un
traballo en cadea, practicamente. O que conseguen con este tipo de
cousas é que cada vez se despersonalice máis o traballo, que os
anciáns sexan tratados como cousas en lugar de como persoas, e que
os traballadores sexan completos robots sen sentimentos". A
contestación da empresa non se fixo esperar: "Os usuarios están
a ser coidados como sempre, cos niveis de calidade que unha gran
compañía se auto esixe, e a empresa garante que os maiores están o
mellor coidados posible".
![]() |
Protestas
de familiares e traballadoras de DomusVi en xuño de 2019 dinte da
Xunta
|
Daqueles
pos, estes lodos. A crise derivada do coronavirus mostrou con crueza
as carencias das residencias privadas e a miseria moral dos
empresarios do sector. Ao contaxio das persoas residentes hai que
sumar os positivos en Covid-19 das traballadoras: 17 na residencia de
Cangas, 11 na de Barreiro (Vigo) ou 23 na de San Lázaro (Compostela)
por exemplo, a 1 de abril; todas elas de DomusVi. As traballadoras
das residencias con máis casos positivos ameazan con deixar de
traballar se non melloran as súas condicións, especialmente no
centro DomusVi de Cangas, onde levan desde o inicio do confinamento
sen material mínimo de protección, suplíndoo con bolsas de lixo.
Ademais, denuncian que os responsables dos centros estiveron
requisando o material de protección que achegaran particulares e o
Concello de Cangas. E denuncian, unha vez máis, a falta de
efectivos, deixando claro que en Aldán só dispoñen de sete
auxiliares para 150 residentes e falta o persoal de enfermería
mínimo. O día 2 de abril, a Xunta anunciou que xa eran dez as
mortes nesta residencia de Aldán.
Feijóo
fixo caso omiso dos chamamentos para intervir e “ medicalizar” as
residencias de maiores e así "evitar o colapso" destes
centros pola proliferación de contaxios entre usuarios e
traballadores. As residencias de maiores DomusVi de Aldán (Cangas) e
Barreiro (Vigo) foron intervidas pola Xunta de Galicia o luns 30 de
marzo debido á súa situación de descontrol e emerxencia sanitaria,
con preto de douscentos positivos de coronavirus e polo menos catorce
falecementos a data 2 de abril. O organismo autonómico nomeou como
xerente a Constantino Piñeiro, con experiencia en xestión de
centros públicos ao ser exdirector da residencia de Oleiros, segunda
das residencias públicas de Galicia en canto ao número de prazas, e
do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade ( CAPD) da Coruña.
Será necesario intervir o resto. O 31 de marzo, por exemplo, na
residencia DomusVi San Lázaro (Santiago) xa faleceran sete
residentes e en DomusVi Carballo, un. Por iso, a intervención
pública das residencias privadas de maiores chega tarde.
A
prioridade neste momento é dotar de medios humanos e materiais
(EPI´s e test de contaxio) ás persoas residentes e traballadoras, e
salvar vidas. Normalizar no posible a situación das persoas
residentes, do persoal laboral e das condicións en xeral das
residencias, coa axeitada atención sanitaria. Pero chegará o
momento no que haberá que decidir se hai que depurar responsabilidades, tanto
administrativas como penais..
Sistema
público e de calidade
Segundo
datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) a idade media da
poboación en Galicia sitúase en 47,2 anos en 2019 e as persoas
maiores de 65 anos xa supoñen o 25,2% da poboación, porcentaxes que
se disparan cando se trata de Lugo e Ourense. En Galicia, por cada
100 menores de 20 anos contabilízanse máis de 158 persoas maiores
de 64 anos. Doutra banda, a Organización Mundial da Saúde (OMS)
recomenda unha cobertura mínima do 5% de camas por cada 100 persoas
maiores de 65 anos, e a oferta de prazas en residencias de maiores
está lonxe dos índices esixidos. Por citar un exemplo, na cidade de
Lugo, onde a poboación maior de 65 anos é máis da cuarta parte do
total, non se constrúe unha residencia pública desde 1976; e máis
de 5.000 persoas maiores de 65 anos viven soas na cidade.
Chegou
a hora de pensar se as persoas maiores merecen ser tratadas como
cifras e oportunidade de negocio ou, pola contra, merécense todos os
coidados e ser tratadas como o que son: persoas que nolo deron todo.
A lección da crise provocada polo coronavirus é simple, clara e
concisa: a única forma posible de garantir o benestar das persoas é
a primacía do público fronte ao privado, o que é de todos e todas
fronte ao que é duns poucos. E si, trátase de ideoloxía.
Qué ben documentado. O rigor é importantísimo
ResponderEliminarBuen análisis sobre las residencias
ResponderEliminarEste comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminarAlguén tiña que decilo asi de alto e claro.
ResponderEliminar