Sobre as pelexas de adolescentes en Lugo e o sensacionalismo informativo
Certamente, a visión do vídeo da pelexa organizada por adolescentes xunto á Muralla produce perplexidade e preocupación. Pero o tratamento sensacionalista do tema por algúns medios de comunicación é inxustificable e indignante.
Eses medios sobredimensionaron o problema interesadamente, trasladando a imaxe distorsionada dunha xuventude lucense violenta e incivilizada. A dirección do IES Leiras Pulpeiro viuse obrigada a emitir un comunicado lamentando a situación vivida o pasado xoves cando varios medios se agolparon na porta do centro, mesmo chegando a abordar a algúns menores.
A situación é problemática, non hai dúbida, mais perfectamente encauzable. Sen embargo o sensacionalismo, lonxe de axudar a solucionar o problema, agrávao. É máis, o sensacionalismo é unha das causas deste e doutros problemas na xuventude, nunca unha solución que se ampara hipocritamente no dereito de información.
Na maneira de actuar dalgúns medios de comunicación e das súas programacións e contidos está a causa e o efecto do declive dunha sociedade sen valores, nunha espiral de amoralidade. Os que deberan transmitirlles valores demostran que carecen deles, utilizando o sensacionalismo como canle para o beneficio económico. Especialmente cando se constrúe un relato irreal de inseguridade e violencia na cidade. E se convirte en pandilleiros peligrosos a chavales que lucen calcamonías de tigres compradas por un euro, correndo o risco de convertelos nun futuro no que agora non son.
É tan lamentable, deplorable e mezquina a actitude de tales medios, que caen nos tópicos máis despreciables de racismo e clasismo. Ir ás portas do IES Leiras Pulpeiro non é inocente, é un acto de malicia. Para confirmar o seu relato tiñan que mostrar un centro educativo do extrarradio. Buscaron a zona máis conflictiva e deprimida no seu imaxinario clasista, intentando criminalizar aos seus escolares.
Nalgunhas xuntanzas da Comisión creada no Concello para dinamizar o barrio da Residencia, xa rebatín algúns comentarios ao respecto da suposta falla de seguridade da zona de Casás-Abella. Pouco despois elaboraouse unha enquisa para coñecer as principais necesidades da zona. As direccións dos centros educativos do lugar volcáronse na iniciativa e a participación de nais e pais foi un éxito. Lembro con satisfacción as caras de sorpresa dalgúns concelleiros e concelleiras cando descubriron que a demanda maioritaria era unha biblioteca.
O barrio de Casás-Abella é o paradigma do fracaso do modelo de crecemento baseado na especulación urbanística. Para alí estaba prevista un área residencial agora pantasma que proxectaba edificios de nove plantas e o actual centro comercial aberto sen licencia. Por iso, os CEIP Casás e o IES Leiras Pulpeiro son dous centros educativos integrados na súa maioría por fillos de traballadores e traballadoras que sofriron e sofren con máis intensidade a crise económica. Mentras, boa parte dos responsables da burbulla inmobiliaria escolarizan aos seus descendentes en centros concertados ou privados, ben a salvo das zonas deprimidas e esquencidas que crearon. Por descontado, ningún dos rapaces e rapazas é culpable delo.
Casás-Abella non é unha zona conflictiva, é unha zona esquecida e abandonada polas administracións públicas. Os seus nenos e nenas non teñen instalacións deportivas, nin bibliotecas, nin parques; pero teñen dignidade. O IES Leiras Pulpeiro conta con recoñecidos profesionais, e un cartel na porta reivindica a educación pública e lembra o non á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade educativa (LOMCE), unha lei que impón unha visión mercantilista do ensino e a sociedade.
O CEIP cambiou este ano unha instalación eléctrica dos anos 70 que producía apagóns constantes, pero o problema aínda non está totalmente solucionado. Carece, por exemplo, de salón de actos. Os dous centros teñen moitas necesidades, pero orzamentos moi limitados que as súas direccións deben estirar ao límite. E a pesares diso son centros de referencia no ensino público.
Por suposto, os medios de comunicación que impulsan o sensacionalismo non se agolparon nas portas do centro para informar das súas carencias infraestruturais, nin do éxito académico acadado polo seu alumnado a pesares das mesmas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concedeu 20 premios extraordinarios de bacharelato do curso 2015/2016, catro deles a estudantes da cidade de Lugo. En proporción, non hai ningunha cidade galega con máis premios extraordinarios. Dous deles foron unha alumna e un alumno do IES Leiras Pulpeiro, o centro que pretenden converter na versión lucense de Columbine. Nada máis lonxe da realidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario